Inicio Esquerda Nacionalista

  Ideario
     
 
Menú
Ideario
Estatutos
Organización
IV Asembleia Nacional
Imaxes/Fotos
Publicacións
ENClave
E.N.Galiza
E.N.Vigo
Contacto
Suxerencias
Correio-e
Enderezos



BNG-Galiza

Galiza Nova

Fundación ENClave

Plataforma Nunca Máis

 
Ponéncia Ideolóxico-Política.
Introdución.
I. Galiza nación.
II. Rexime político.
III. Liberdades individuais e direitos colectivos.
IV. A base económica da sociedade.
V. A base territorial da sociedade.
VI. Língua.
VII. Posicións perante problemas mundiais actuais.

IV. A base económica da sociedade.

  1. EN considera que a base económica de toda sociedade está consituída polo conxunto de relacións que se estabelecen entre os indivíduos, os grupos e as clases sociais nunha actividade constante para produciren e reproduciren as suas condicións materiais de existéncia. Esa actividade desenvolve-se e manifesta-se en forma de procesos sociais de produción e distribuición ou reparto dos bens ou obxectos chamados económicos, obtidos a partir da acción sobre a natureza e a utilización dos recursos, e destinados finalmente a satisfaceren as diversas necesidades individuais ou colectivas no marco dun determinado modelo de civilización e cultura que eses mesmos procesos condicionan.

    Quere-se dicer, portanto, que os fenómenos económicos son sobranceiramente fenómenos sociais, e pola mesma son-no tamén os problemas que a actividade económica e o seu ordenamento suscitan ou tentan resolver e que a acción política sobre a base económica ten que pór a esta ao servizo do home e non ao revés; que a racionalidade social debe sobrancear sobre a racionalidade individual, aínda sen abafar a liberdade do indivíduo, na orientación dos procesos e na utilización dos recursos económicos; e que en nengún caso é admisíbel que os procesos económicos cousifiquen o ser humano.


  2. EN acredita que as chamadas revolucións industriais e o desenvolvimento do capitalismo supuxeron historicamente uns grandes saltos adiante no desenvolvimento das forzas produtivas, e portanto na capacidade da espécie humana para progresar nas condicións materiais de existéncia. Mais tamén considera que a caste de racionalidade que acobillan e o modelo de sociedade e de ideoloxia a que daban lugar convertia á forza laboral nunha mercadoria, supuñan a opresión explotadora e alienadora das camadas traballadoras e a concentración acumulativa da riqueza e o poder económico, á par que enxendraban a espoliación dos recursos e o subdesenvolvimento de continentes intieros, e desencadeaban un proceso de crecente agresión ao meio ambiente natural e ao equilíbrio ecolóxico que, na actualidade, xa está a pór seriamente en perigo a sobrevivéncia mesma da humanidade no planeta.


  3. En consecuéncia co devandito, EN aposta por un modelo de organización da base económica que recolla das experiéncias históricas de desenvolvimento económico o que tiveron de progreso anovador na capacidade potencial de xeración de benestar nas condicións materiais de existéncia dos seres humanos, mais que desbote o simples produtivismo como lóxica e móbil sobranceiro da actividade económica, que subordine o progreso teconóxico e máis o avance no nível organizativo das forzas produtivas a respeito do carácter esgotábel dos recursos e máis das condicións de equilíbrio e viabilidade ecolóxica do entorno meioambiental, que converta a noción de benefício nun simples baremo utilizábel no cálculo da eficiéncia na asignación dos recursos e o rexeite como renda peculiar dun grupo social detendador do poder económico, que supedite a racionalidade individual á racionalidade social, e ambas as duas aos direitos e liberdades básicas dunha sociedade democrática, e que realice a equidade na distribución ou reparto social e territorial da produción e dos elementos sustentadores do benestar.


  4. EN asume que a base económica da nación galega foi obxecto, ao longo da história moderna e contemporánea, dun proceso que a converteu en periferia subdesenvolvida e espoliada, extravertida cara o centro do sistema no que se acha inserida, e submetida a unha evolución na que só experimenta fases de crecimento reflexo e dependente, seguidas de crises inducidas que destruen ou paralisan os segmentos da sua base produtiva criados ou desenvolvidos con anterioridade, e distorsionan sucesivamente a sua estrutura en función dunha lóxica enxendrada fóra da nosa sociedade e imposta exoxenamente nun esterilizante conflito coas suas próprias potencialidades e coas suas próprias pautas de civilización e cultura.


  5. EN declara que a integración na CEE constitui un novo e meirande atranco, unha máis grave agresión e ameaza ainda para as espectativas de desenvolvimento e benestar económicos da nación galega, tanto pola índole mesma e máis os obxectivos estratéxicos desa organización político-económica supraestatal, canto polos termos e condicións en que o Estado español negociou e concluiu o tratado de integración, leoninos e ruinosos para a base económica e a imensa maioria dos sectores sociais galegos.

    EN cuestiona, portanto, a permanéncia da Galiza na CEE, e postula de primeiras a imediata renegociación dos termos actuais da integración en todo o tocante aos intereses galegos. A permanéncia mesma, replantexaria-se no horizonte do declarado por EN verbo do Estado galego independente e da posíbel confederación europea, asi como do contexto das posicións de EN tocantes á base económica da sociedade.


  6. Para o exercício da soberania política do povo galego no eido da economia, EN pronuncia-se a prol dun desenvolvimento autocentrado e endóxeno e dun ordenamento dos procesos económicos mediante unha planificación democrática descentralizada. EN postula a existéncia de tres grandes sectores económicos en Galiza.

    Primeiro: un sector estratéxico con carácter público, sexa directamente estatal, é dicer, organizado e detentado pola administración do Estado galego, ou sexa-o polas administracións públicas territoriais, comarcais ou locais; e ben sexa plenamente público ou ben sexa mixto, no tocante á sua titularidade e centros de decisión.

    Segundo: un sector cooperativo, especialmente nos eidos económicos de meirande dimensión social, como a economia campesiña, a economia mariñeira, a agro-mar-indústria, manufactura e actividades produtivas intensivas en traballo, e as grandes entidades operadoras no comércio interior.

    Terceiro: un sector privado esparexido nas diversas ponlas económicas e diferentes sectores de actividade, con empresas de dimensión meia e axilidade operativa.