- EN declara e asume que Galiza é unha nación, enxendrada e xestado no debalar da História ao longo dun proceso milenário, e dotada non só de todos os atributos substantivos que a definen e identifican asi como realidade sociopolítica obxectiva, senón tamén do necesário degrau de consciéncia e vontade de tal identidade na conciéncia social do seu povo para non ser unha realidade inerte senón un ente colectivo dotado dunha dinámica de autoafirmación nacional.
- Portanto, a nación galega non só ten pleno direito a autodeterminar-se politicamente senón que durante unha longa xeira histórica dotou-se a si mesma de poder próprio, do que logo foi desposuída, e nos tempos modernos leva dous séculos a percorrer un proceso de progresiva autoafirmación e autoorganización, é dicer, unha andaina a prol da autodeterminación de feito en constante avance.
- A xénese e máis as sucesivas metamorfoses históricas do Estado español, primeiro nas formas que reveste no antigo rexime desde os comezos da Idade Moderna europea, e logo na do Estado burgués unitário desde hai século e meio, fixeron abortar e conxelaron primeiro durante séculos a dinámica endóxena das clases sociais en Galiza, e escluíron-nas despois das alianzas de clase que pariron o aparello de Estado español contemporáneo, convertendo ao cabo a nación e o povo galegos nunha colónia interna dese Estado.
Dado ese proceso e as suas resultas, Galiza non é só unha nación sen Estado, non só padece unha opresión nacional, senón tamén un submetimento colonial que modifica cualitativamente a índole da sua dependéncia e maís da sua problemática como cuestión nacional por resolver.
- O Estado español, aparello de poder das alianzas de clase que o sustentan, constitui xa que logo a represa que interrompe e encora a fluéncia da nación galega na sua própria história até o presente e, pola mesma, o atranco fundamental ao exercício polo povo galego da sua soberania nacional, chave de paso indispensábel para a libre e democrática adopción de decisións políticas verbo dos seus próprios problemas colectivos de índole económica, social, idiomática ou cultural.
Nen a cidadania galega no seu conxunto nen cada un dos indivíduos que a integran estarán en condicións de seren efectivamente libres e exerceren politicamente esa sua liberdade colectiva ou individual, mentres non arromben o atranco que constitui o Estado español para aquela decisión política que é precondición de todas as demais: o exercício da soberania nacional que radica no povo galego.
- EN reivindica para o povo galego o exercício da sua soberania nacional de modo pleno, tendo como horizonte político a constituición como república dun Estado galego independente, no marco solidário europeu.
- Dado que, cultural e historicamente, o povo galego é europeu, EN considera que Galiza debe participar na xestación dunha vertebración confederal dos povos de Europa, en esforzo solidário recíproco coas que son nacións sen Estado e frente aos Estados sen nación ou plurinacionais. Caso de coaliar esa caste de Confederación europea, Galiza deberá incorporar-e a ela en pé de igualdade oas demais nacións, coa correlativa cesión polo Estado galego das custas de soberania indispensábeis a prol das institucións confederais. Mais tamén, tal como corresponde á natureza dun pacto confederal, esa integración manteria intacta a soberania política de Galiza tocante á permanéncia do Estado Galego nesa Confederaión europea, que seria, portanto, reversíbel.
|