Inicio Esquerda Nacionalista

  Ideario
     
 
Menú
Ideario
Estatutos
Organización
IV Asembleia Nacional
Imaxes/Fotos
Publicacións
ENClave
E.N.Galiza
E.N.Vigo
Contacto
Suxerencias
Correio-e
Enderezos



BNG-Galiza

Galiza Nova

Fundación ENClave

Plataforma Nunca Máis

 
Ponéncia Ideolóxico-Política.
Introdución.
I. Galiza nación.
II. Rexime político.
III. Liberdades individuais e direitos colectivos.
IV. A base económica da sociedade.
V. A base territorial da sociedade.
VI. Língua.
VII. Posicións perante problemas mundiais actuais.

III. Liberdades individuais e direitos colectivos.

  1. As revolucións burguesas dos séculos XVII a XIX, e de xeito paradigmático a francesa de 1789-92, seguindo os ideários liberais que as orientaban e que conformaban a ideoloxia da sua clase dirixente, consagraron os direitos, obrigas e liberdades individuais do cidadán nos princípios das democrácias que naceron con elas e inscreberon-nos nas cartas consitucionais dos Estados aos que deron orixe. Nacia asi o cidadán do Estado burgués liberal en contraposición ao súbdito do Estado absolutista do antigo rexime señorial, en correlación inseparábel coa atribuición da soberania política á cidadania, como simples agregado de individuos libres, no canto de residir no monarca por delegación da divindade. Fose cal for a evolución ou no seu caso o deterioro desas democrácias e das formas de Estado conseguintes ao longo do tempo, eses enunciados de direitos e liberdades individuais seguiron a ser identificados co cerne máis esencial e irredutíbel de calquer democrácia, até que a aparición na escena histórica de sucesivas revolucións socialistas, orientadas polo ideário marxista nas suas variadas versións concretas, desprazaron o centro de gravidade das conquistas democráticas á xustiza social, o igualitarismo e os direitos, obrigas e liberdades sociais ou colectivas.


  2. A evolución do aparello de Estado nas diversas formacións sociais nadas de revolucións socialistas ou populares, segundo os casos, no centro e na periferia do planeta ao longo do presente século, deu lugar na maioria delas, en diferentes degraus, e ao abeiro do sobranceo dos direitos colectivos das clases sociais antano dominadas en reximes burgueses, feudais ou coloniais, a unha minusvaloración e progresivo desleixo ou abafamento dos direitos e liberdades do indivíduo proclamados nas constituicións liberais, mesmo considerados en certo modo como restoballo de formas de democrácia periclitadas e identificados tan só como direitos e liberdades patrimoniais da clase social que dirixira e hexemonizara aquelas formas de democrácia e de Estado, e pola mesma non relevantes para os indivíduos membros das clases sociais dominadas que triunfaran mesmamente nas novas revolucións, socialistas ou populares.

    Mais mesmamente tamén esa evolución, perversa neste aspecto, dos aparellos de Estado das sociedades nas que se ensaiaba a "construción do socialismo", deu lugar á revalorización dos princípios afirmadores dos direitos e liberdades do indivíduo, xa non como un ideário peculiar da clase social que dirixira as revolucións burguesas, nen como alicerces exclusivos das correlativas formas de democrácia, senón como atributos inegábeis do cidadán en toda democrácia e armas indispensábeis do indivíduo frente ao "leviathan" que resultaba ser, a cada pouco máis implacabelmente, todo Estado, incluídos xa que logo as democrácias e os Estados burgueses contemporáneos que, paralelamente, sofrian un deterioro evolutivo análogo aos do "socialismo real", dentro das coordenadas e o código xenético xenuínos da sua própria espécie política. Deste xeito, o que nacera historicamente como afirmación negadora da condición de súbdito e arma de combate frente ao poder absoluto do monarca no Estado pre-democrático, tornaba-se reafirmación da liberdade do indivíduo humano e arma defensiva frente á maquinária cega e despiadada do Estado dos nosos tempos, tan por demais semellante xa aos aparellos de poder anti-utopias orwelliáns ou huxleyáns, fose cal for a sua xinea e a modalidade de sociedade e mesmo de democrácia nas que se xestara.


  3. EN considera que, á altura dos nosos tempos, nengún ideário nen forza política uqe se autodefina como progresista pode negar que a xustiza social, a igualdade efectiva dos cidadáns e os direitos e liberdades sociais e colectivos consituen princípios sobranceiros tan certamente como que a salvaguarda dos direitos e liberdades individuais é necesária e indispensábel para unha democrácia merecente de tal nome.


  4. Mais os direitos e liberdades do indivíduo non se poden hoxe conceber, declarar e menos ainda aplicar en abstrato, senón inseridos no contexto social e cultural concreto. E non se poden cinxir só á prática e á conduta do indivíduo no plano das ideas e da moral, senón que cumpre estendé-los á dimensión da existéncia material tamén. Para catro quintas partes polo menos da actual populación do planeta, os direitos e liberdades individuais máis urxentes e perentórios atinxen a nacesidades materiais tais como a alimentación, a saúde, ou dispor de meios de hixiene elementares: eis os "direitos humanos" que constituen a máis punxente arela para os indivíduos que forman a maior parte da humanidade nos nosos dias. Direitos a respeito de necesidades materiais das que a cobertura constitui, polo demais, condicións indispensábeis para a satisfacción do direito a algo tan inmaterial en aparéncia como é o disfrute da máis elementar dignidade individual.

    Pero na outra quinta parte, cando máis, mellorada na sua base material, os direitos do indivíduo a non ser asediado pola drogadición, agredido polo andazo de pestes contemporáneas, como a "sida", ou atinxido pola contaminación ambiental física do seu hábitat imediato, fenómenos todos eles perante os casi o indivíduo cidadán dese cuarterón privilexiado do planeta se acha virtualmente inerme, eses direitos referen-se tanto ás suas condicións materiais de existéncia e permanecen tan instisfeitos, por máis que dispoña de direito individual á liberdade de expresión, opinión ou crenza, como para os cidadáns do terceiro mundo confinados nun estado de necesidade material extrema.


  5. A resultas das declaracións que anteceden, EN reivindica, como princípios irrenunciábeis da democrácia plena que postula, o pleno recoñecimento e garantia do exercício dos direitos e liberdades individuais nas ordes das ideias, crenzas, intimidade, sexo, expresión, criación e demais que se referen aos planos dos ideários, a ética, a moral e a prática existencia do indivíduo na sociedade. Mais outro tanto reivindica EN no tocante aos direitos e liberdades individuais que teñen como obxecto e contido a dignidade e suficiéncia nas condicións materiais de existéncia, o traballo, o ensino, a sanidade, a cultura e demais ordes de cuestións nas que non avonda, para o seu cumprimento, que a sociedade e a instáncia política propicien e garantan o espazo de liberdade para operar nel a determinación e iniciativa do indivíduo segundo a sua vontade, senón que resulta precisa a acción positiva da instáncia política para dar cumprimento e satisfación a eses direitos individuais.


  6. EN asume a xustiza social, o igualitarismo e a primacia dos direitos colectivos á cobertura das necesidades sociais como princípios sobranceiros da democrácia que reivindica, e considera-os conxugábeis, nuns casos, e noutros mesmamente indisociábeis, co recoñecimento e salvaguarda dos direitos e liberdades individuais aquí mesmo defendidos.


  7. EN declara-se a prol do laicismo na conceición da sociedade e da prática social a respeito dos fenómenos relixiosos, respeitando as crenzas individuais e a sua prática. O Estado ten que ser laico non só declarativamente, senón na sua prática institucional.


  8. EN pronuncia-se pola igualdade dos sexos no tocante aos direitos, obrigas e liberdades en todas as dimensións da prática social, e pola mesma en contra da discriminación que padece a muller nas actuais formas de sociedade, civilización e cultura vixentes no interior e no entorno da nación galega.