- En propugna un rexime política de democrácia plena na que se conxugue acaidamente a canle representantiva coa participativa para o exercício do poder polo povo galego.
- No que respeita á noción mesma da democrácia, EN asme o princípio filosófico-político de que a soberania reside no povo e, daquela, o exercício do poder na superestrutura denominada Estado só se lexitima se expresa e veiculiza no exercício efectivo da soberania polo povo, é dicer, un rexime político efectivamente democrático. Ese exercício non se pode cinxir a un acto ou actos pontuais ou a un proceso constituínte, senón que ten que ser permanente.
- O Estado só ten unha índole e unha razón de ser funcional e só ten lexitimidade cando se basea na soberania popular e a sua estrutura veiculiza o exercício democrático do poder polos cidadáns. As democrácias, como reximes políticos que determinan as formas democráticas do Estado, son fruto das loitas dos diversos sectores sociais en diversas fases e contextos socio-históricos. As loitas populares lideradas pola burguesia deron nacimento no seu momento a democrácias burguesas, nas que esa clase social hexemonizou o exercício do poder político no aparello do Estado.
No contexto xeopolítico e sociopolítico no que actualmente está inserida a nación galega, esas son precisamente as modalidades de rexime político democrático que ainda perduran. Mais usualmente alude-se a elas coas simples denominación de democrácia sen cualificativo nengun, é dicer, enunciando o xénero (democrácia) e silenciando a espécie (burguesa), ou tentando converter esa espécie na única dentro do xénero, identificando-a con el e baleirando-a, por omisión, do seu específico contido de clase, no tocante ao exercício sobranceiro do poder político.
EN non acredita nesa identificación reducionista, nen considera asumíbel esa modalidade de democrácia como rexime político axeitado para o exercício do poder e a prática dos seus direitos e liberdades colectivas e individuais polo povo galego. Asemade, EN non considera asumíbel nengunha modalidade de rexime democrático no que o poder sexa hexemonizado por unha soa clase social.
- Dada a estrutura de clases da nación galega e mesmo a diversidade e heteroxeneidade relativa das clases denominadas populares, por contraposición aos segmentos oligárquicos que sobrancean no poder social e transmiten e impoñen a ideoloxia e o poder do aparello do Estado español, EN reivindica unha democrácia baseada na alianza de clases dos sectores populares galegos a prol da emancipación nacional de Galiza, mesmo unha vez acadado o exercício pleno da sua soberania nacional e a constitución dun Estado galego independente.
- No tocante á conformación, exercício e controle do poder pola cidadania galega, en pleno uso e cumprimento dos seus direitos, obrigas e liberdades democráticas, EN pronúncia-se a prol dunha conxugación equilibrada da canle representativa e máis da participativa.
A democrácia participativa por si só, que se traduciria en democrácia directa a todos os níveis, non resulta viábel nunha sociedade complexa e clasista como a galega actual e mesmo a que previsibelmente seguirá a ser no momento da constitucición do Estado galego que EN reivindica. A democrácia representativa, á sua vez, segundo ensinan ben diversas experiéncias históricas, e non só de democrácia burguesa, tende de seu a derivar en democrácia meramente formal, a mediatizar por demais e até distorsionar a participación política da cidadania, e mesmo a confiná-la nunha actitude pasiva ou receptora a respeito da acción e o exercício do poder, o que acaba por xerar un proceso de crecente disociación entre a instáncia política e a base social popular até resultaren ao cabo reciprocamente alleas ou mesmo antitéticas. Democrácia representativa e participativa son, portanto, conxuntamente necesárias e reciprocamente complementares.
- EN defende unha democrácia representativa pluralista, que permita expresaren-se e organizaren-se en liberdade tanto os diversos segmentos sociais do povo galego como as diferentes concepcións ideolóxicas existentes a respeito da solución política dos seus problemas e a defensa dos seus intereses económicos, sociais e culturais.
- EN propugna a revitalización, estímulo e potenciación da democrácia participativa nas suas múltiplas manifestacións e vieiros e nos diversos eidos da realidade e a vida sociais da nación galega.
Sexan movimentos e organización sindicais, organizacións de masas, movimentos sociais e cidadáns, movimentos asociativos, organizacións culturais, EN considera que todas as formas participativas de autoorganización democrática da cidadania e dos diversos sectores sociais contribuen positivamente, e mesmo resultan indispensábeis nun certo degrau, para vertebrar politicamente a sociedade pola sua base, inxectar vitalidade á democrácia e manter a ósmose necesária entre a estrutura social e a sua superestrutura política institucional.
Para cumpriren esas suas funcións, os diversos movimentos e organizacións sociais e cidadáns deberán desfrutar da necesária autonomia a respeito do entramado de organizacións e instituicións que integran o aparello de Estado e a superestrutura política propriamente dita. Cumpre dotar aos movimentos organizacións da sociedade civil de estruturas de poder real no conxunto da política xeral do país.
|