- Galiza é un dos países do mundo que dispón de maiores degraus de humanización do seu território, da sua terra. Emporiso, o galego ten na sua Terra, no seu território, un dos alicerces cardinais da sua idiosincrácia, da sua personalidade étnica e do seu ser nacional. O território conforma o noso ser colectivo de xeito parello a como o fai a língua. Ambos os dous son causa e efeito da loita dun povo por chegar a ser dono dos seus destinos.
- De sempre, o povo gaelgo mimou o espazo da vida colectiva, tanto ou máis que o da sua casa. Non obstante, nas últimas décadas, como resultado do estrago xeral que adoito se ven experimentando desde o período final do franquismo e, se callar, mesmo maiormente no primeiro do vixente rexime político, o território deixou de ser unha preocupación funda, tanto para os usuários primários das clases populares, mergulladas nun proceso de aculturación de dimensión arrepiantes canto, loxicamente, para os que se din seus representantes políticos, que na sua imensa maioria só consideran o território como fonte, real ou potencial, de negócios especulativos a desfrutar por unha elite privilexiada.
- EN entende que dar-lle as costas ao território conduz a un suicídio colectivo, e que tal comportamento talvez sexa un dos principais causantes da frecuente auséncia a niveis políticos un proxecto global para Galiza, que sexa quen de inxectar a ilusión precisa para que este país camiñe cara unha auténtica modernidade, aquela que é produto histórico e asunción actual do povo que a acomete.
Coerente con este postulado, EN coloca en posicións centrais do seu ideário, asi como no dos seus postulados programáticos por vir, a contemplación de calquer actividade humana e social, non só desde a óptica económica ao uso, senón, e preferentemente, desde a das repercusións que esas actividades van ter no eido de todos, no território.
- EN, consecuentemente co devandito, considera que é urxente a tarefa da reorganización administrativa territorial, baseada nas suas instituicións e entidades territoriais próprias e xenuínas, mais facendo-o conxugadamente cun ordenamento territiral respeitoso co meio, o hábitat e as formas autóctones de cultura material, e inspirado no princípio de que non hai maior inxustiza que a que trata desigualmente aquilo que debe ser igualitário -como, por caso, os direitos básicos de toda persoa ou colectivo-, mais tamén a que trata de xeito uniforme realidades esencialmente diferenciadas, como os meios rural e urbano, as comarcas de montaña e de mariña, ou os espazos agrários e os fabris. A equiparación dos níveis e calidade de vida dos cidadáns galegos no território requere, mesmamente, unhas pautas de ordenamento territorial versáteis e axustábeis ás diferentes variábeis que configuran a morfoloxia dos diversos espazos naturais e socioxeográficos existentes en Galiza.
En todo caso, o planeamento e o ordenamento territoriais orientarán-se por critérios que impidan a agresión ao meio e o destrago ou espoliación dos recursos, e que contribuan a manter ou rexerar o equilíbrio dos ecosistemas único xeito de garantir para as xeracións futuras a supervivéncia cultural e mesmo física do povo galego no seu próprio marcos xeográfico.
EN defende os direitos individuais e colectivos de todos e de todas os/as galegos/as que viven no território da Galiza, e promoverá todo tipo de medidas para que estes podan exercé-los. EN reclama que podan incorporar-se á demarcación político-administrativa da Galiza os territórios galegos sob outras demarcacións administrativas.
|