| Introducimos
entrevista realizada a Saúl Santim, Portavoz Nacional de
EN-Mocidade, que após 6 anos exercendo como tal, deixa a
responsabilidade máxima en EN-Mocidade na X Asemblea Nacional
que se celebra o 20 de outubro en Compostela. Saúl é
licenciado en Dereito e na actualidade traballa na Fundación
Compostela Deporte.
¿Cal é a avaliación
que fai destes seis anos como máximo representante de Esquerda
Nacionalista-Mocidade?
Fago unha avaliación altamente positiva, como organización
xuvenil fomos quen de superar a crise na que estabamos inmersos,
e ao longo destes seis anos e sobre todo despois da asemblea nacional
do Porriño protagonizamos a maior expansión organizativa
que tivo EN-Mocidade desde o seu nacemento. Porém, tampouco
se pode cair na autocompracencia, na medida em que à vindeira
mesa nacional, e ao vindeiro porta-voz aínda lle fican grandes
retos por diante. Así e todo é de xustiza agradecer
a todas aquelas persoas como Alberte Vila, Xiana Barros, Vítor
Meizoso, Vítor Meirinho, Diego González o seu traballo
nas Mesas Nacionais para que o proxecto de EN-Mocidade saise adiante,
sen eles non estaríamos no bon momento no que están
as mocidades. Fai seis anos e medio era impensábel que puidesemos
participar dunha candidatura alternativa, con opcións reais
de transformar Galiza Nova. De todas formas creo que pola capacidade
política e de traballo somos e fomos exemplo mesmo para a
propia Esquerda Nacionalista.
¿Cales foron, durante este tempo, as liñas de actuación
prioritarias de Esquerda Nacionalista-Mocidade en Galiza Nova?
Desde Esquerda Nacionalista-Mocidade nestes seis anos houbo unha
aposta clara polo traballo en Galiza Nova e no BNG. Para nós
Galiza Nova e o BNG son dúas ferramentas esenciais para este
País, que se non estivesen creada habería que crealas.
Portanto para alén do noso humilde traballo en Galiza Nova,
cos nosos acertos e as nosas eivas, que tamén as houbo, tamén
tivemos sempre como obxectivo participar dos movementos sociais,
sexan ou non nacionalistas. Mesmo temos compañeiros nosos
que teñen participado na creación de centros sociais
ao longo do noso país. Para ter unha visión real da
sociedade galega cumpre interaccionar con ela. Formar parte da sociedade
como un cidadán máis. Neste caso como un mozo máis.
¿Chegou a hora de renovar,
pois?
Penso que en toda organización política é necesaria
a renovación, de persoas de ideas e mesmo de métodos.
Desde logo que xa era hora. Cmpre ter presente que as organizacións
xuvenis tenden a renovarse muito mais rápido que o partidos
políticos, entre outras cousas, porque a vida dun mozo ou
dunha moza transcorre a unha velocidade muito maior, as mudanzas
neses dez ou quince anos que dura a xuventude son muito máis
rápidas. Por tanto, seis anos son suficientes para levar
adiante un proxecto político. De todas formas ao longo destes
anos foise incorporando xente nova os organismos de EN-Mocidade.
Ademais, penso que a organización fica en moi boas mans,
e que superarán con creces o feito até o de agora
pola xeración que agora damos o relevo.
Unha renovación de persoas,
¿e de ideas?
Toda organización política precisa a renovación,
de persoas como dixen anteriormente, mais tamén de ideas
e de métodos. As organizacións como a nosa que pretenden
transformar a sociedade, deben ser quen de adaptarse ás mudanzas
que se dan na sociedade, e de atender ás súas demandas.
No caso da mocidade é un segmento da sociedade que muda muito
máis rapidamente, e portanto, unha organización xuvenil
como EN-Mocidade, debe actualizar constantemente as súas
análises sobre as necesidades e demandas da mocidade. Isto,
leva aparellado mudanzas na praxe política e mesmo novas
ideas para resolver os problemas que ten a mocidade galega.
¿Cal é a avalición
que fai do traballo do BNG na Xunta e en concreto de Rubén
Cela á fronte da Dirección Xeral de Xuventude?
O aceso do nacionalismo galego por primeira vez na súa historia
ao goberno da xunta de galiza, descontando a época do tripartito
coa presenza do PNG, por si proprio xa é un éxito.
Ademais, o BNG ten un talante totalmente distinto no trato coa cidadanía,
a diferenza do governo anterior. Este talante democrático
do BNG é mesmo distinto ao que ten o PSOE, que xa vemos como
actúa cando ten maioría absoluta, ou en casos como
o de Lugo onde non é quen de aceitar que os cidadáns
quixeron que o BNG voltase ao goberno municipal despois de 4 anos
de maioría absoluta do BNG.
O que está claro que se está a por en marcha unha
novas políticas culturais, de vivenda, industriais ou de
benestar que están poñendo as bases para a transformación
do país. Cada unha destas políticas teñen incidencia
na mocidade. É indiscutíbel que desde por exemplo
a consellaría de vivenda se está a facer esforzos
na resolución dun problema tan grave como é o prezo
da vivenda na Galiza. O que está claro é que a política
de mocidade é unha política transversal que afecta
a todos os departamentos da Xunta, e o grande problema é
ser quen de incidir en todas as consellarías afectadas. De
todas formas desde a propia dirección xeral se están
a dar pasos importantes como son os centros quérote, o congresos
de voluntariado e a participación das entidades de acción
voluntaria no anteproxecto de lei de voluntariado. Tamén
hai mudanzas substanciais na política de subvencións.
De todas formas aínda ten a dirección Xeral de Xuventude
un longo camiño que percorrer, tendo en conta o desatendida
que deixou a mocidade o partido popular.
Agora a título persoal.
¿Cal é o seu futuro inmediato?
O meu futuro imediato é seguir participando e traballando
no proxecto nacionalista tanto en Galiza Nova como no BNG ou na
propria Esquerda Nacionalista-Mocidade. Aportando na medida das
miñas posibilidades e dos compromisos que teño adquiridos
tanto a nivel individual como colectivo.
|