ARTIGO DE CARLOS AYMERICH

 

Polo seu interese e actualidade, achegamos artigo de Carlos Aymerich, Deputado e Portavoz do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento Galego a respecto da non aprobación polo momento dun Novo Estatuto de Nación para Galiza

 

Á ESPERA DO NOVO ESTATUTO

A ratificación popular do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza o 28 de Xuño de 1936 permitíunos conquistar en 1981 a condición de nacionalidade ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña. Mais hoxe, en 2006, a historia non vai vir na nosa axuda. Desta volta o único feito diferencial que Galiza poderá esgrimir no ámbito político será a forza que entre todos sexamos quen de xuntar. Porque só apresentado como decisión maioritaria do pobo galego un Novo Estatuto poderá ser asumido polas Cortes españolas como un feito irreversíbel e Galiza poderá participar, con voz propria, na construción dun Estado e dunha Europa onde todos nos sintamos cómodos”.

 

Deste modo remataba en decembro de 2006 un outro artigo no que, despois de expor os mínimos exixidos polo BNG para o Novo Estatuto exprimía tamén o meu desexo – a miña confinanza até! – deste vir ser aprobado por unanimidade polos tres grupos parlamentares.

Mais non puido ser. Como nas liñas que seguen tentarei xustificar, o veto do PP e a indefinición do PSOE permitiron que Galiza non poida hoxe contar cun Novo Estatuto e, con el, dun novo marco competencial e financeiro e dun novo modelo de organización administrativa e territorial. Porque a falta dun Novo Estatuto non é consecuencia de ningún “fracaso colectivo” (versión interesada que visa incrementar o auto-odio dos galegos) mais fruto dunha operación calculada e/ou consentida polos partidos españois que operan en Galiza.

Porque os nacionalistas temos muitas razóns para pór en valor a nosa iniciativa, o noso traballo e a nosa atitude todo ao longo do proceso. E, sobretodo, temos razóns sobexas para reivindicarmos o proceso en si proprio como positivo para a criazón de consciencia nacional levando á cena pública asuntos e debates alleos ao discurso dos partidos estatais. Mais vaiamos por partes.

 

I. Os actores


1. BNG: motor do proceso

Sen exaxeración ningunha. Foi o BNG quen iniciou os traballos conducentes á elaboración dun Novo Estatuto cando, o 23 de Xullo de 2004 se apresentaron en Compostela as “Bases” sobre as que nos meses seguintes irían traballar os máis de douscentos homes e mulleres que conformaron o denominado “Foro do Novo Estatuto” que rendeu en Febreiro de 2005 o fruto dos seus traballos, debatido logo por toda a Nación. Tras comprometerse o novo goberno de coaligación BNG-PSOE a impulsar un Novo Estatuto, o 17 de Decembro de 2005 dábase a coñecer o texto articulado elaborado polo BNG, resultado final de case dous anos de traballo. Veu despois unha intensa campaña de apresentación desta nosa proposta através de máis de quiñentos actos.

Sermos os primeiros – de facto os únicos – en explicitarmos unha proposta articulada constituíu unha aposta arriscada. Porque, dun lado, ficabamos vinculados a ela, como formulación de máximos, para o resto do proceso. E máis tamén porque, ao menos entanto non deu comezo o traballo parlamentar, PP e PSOE limítaronse a criticar a proposta do BNG ou, no mellor dos casos, a formularen apenas contra-propostas parciais sobre tal ou cal cuestión. Foi, porén, unha iniciativa imprescindíbel: sen ela nin PP nin PSOE, incómodos cos termos en que o nacionalismo estaba a prantexar a discusión, terían consentido iniciar o seu percurso parlamentar.

E a clareza coa que o BNG apresentou as súas propostas, xa desde o comezo, non nos impedíu actuar coa flexibilidade e a xenerosidade que a relevancia do transo demandaba. Procuramos sempre o acordo, confiando nos demais mesmo até a inxenuidade. Dialogamos co PSOE e acadamos un acordo de mínimos asinado e publicado en Xuño de 2006. Tivemos tamén, todo ao longo do proceso, diferentes conversas co PP que non coallaron en acordo ningún. Logo haberíamos de comprobar o valor que PP e PSOE lle dan á palabra dada.


2. PP: o veto

No proceso de elaboración do Novo Estatuto, o PP galego sustentou posicións menos ambiciosas que as defendidas por AP hai vintecatro anos, canda a aprobación da Lei de Normalización Lingüísitica. Esta involución do PP encobre, por unha banda, sen dúbida, un movimento táctico: achar unha xustificación ideolóxica para vetar un Novo Estatuto do que o PP non ía tirar, do seu ponto de vista, nada positivo na medida en que supuxese un aval ao goberno bipartito. Esta visión trasloce un nulo compromiso con Galiza, mais no PP hoxe pesa máis, muito máis, o interese partidario que o sentido de país. Co Estatuto o PP non se comportou de xeito substancialmente diferente a como o fixo con outros asuntos fundamentais para Galiza como o “Prestige” ou os incendios.

Mais, por outra parte, e como adoita acontecer nestes casos, hai tamén un convencimento real nese partido e nomeadamente no seu presidente, Sr. Nuñez Feixoo, de que Galiza non pode aspirar ao mesmo que Cataluña ou Euscadi. O españolismo de Núñez Feixoo é fundo e é real. Nin é finxido nin obedece a unha estratexia adaptativa aos seus padriños madrileños, como nalgunha altura se puido pensar. A proba do nove dánnola os meios españois de estrema dereita: neles Núñez Feixoo foi vitoreado como o herói que soubo manterse firme ante a presión nacionalista. E a mobilización do voto do PP nas cidades cun discurso reaccionario afastado de caisquer verniz “galeguista” non fará senón confirmar esta deriva, tal e como testemuña a ruptura do acordo acerca do Decreto de galeguización do ensino non universitario.

3. PSOE: oportunismo e indefinición
Para alén das indefinicións iniciais a respecto, por exemplo, do documento elaborado pola fundación “Iniciativas XXI” - que dependendo do momento ou do interlocutor tanto podía ser a posición oficial do PSOE como apenas máis outra achega elaborada por unha fundación privada - o PSOE pactou co PP adiar o proceso até Maio, após as eleccións municipais, se é que non se lograba un acordo en Xaneiro. Deste xeito libertou o PP do seu medo maior: que BNG e PSOE, tal e como acordaramos, impulsaramos un texto no relatorio e na comisión que o PP tivese que votar en Pleno. Prestando esta garantía de que non ía haber pleno de tomada en consideración da proposta de Estatuto, achanzou o terreno para o veto do PP.

Tamén foi o PSOE quen acordou co PP deixar o preámbulo para o final, dando asas á chantaxe do PP arredor do recoñecimento de Galiza como Nación. E tamén foi o PSOE quen impedíu votar no relatorio o texto que tiñamos acordado con eles en materia de lingua e no que se recollía claramente o deber de coñecemento do galego co argumento de que na lingua había que avanzar por consenso, incumprindo flagrantemente o acordo de mínimos que tiñamos asinado. Consenso, por certo, que non procuraron co BNG ao pactaren co PP a traslación literal do modelo de financiamento pactado no Estatuto de Cataluña e que, do noso ponto de vista, é lesivo para Galiza.

En conclusión, o PSOE rompeu a estratexia común pactada co BNG para xogar a unha perigosa equidistancia baseada na indefinición e na opacidade. Este partido debería perguntarse se non foi o seu oportunismo o que lle abríu ao PP perspectivas de que era posíbel rachar o pacto de goberno. E aquí Pérez Touriño e Fernández Leiceaga teñen unha responsabilidade especial.

Que tería acontecido de termos mantido BNG e PSOE esta estratexia común? Pois que agora estaría xa aprobado no relatorio un texto claro e ambicioso e que o PP veríase obrigado, nun pleno do Parlamento a votar a favor ou en contra, evitándose deste xeito o “rebumbio”, o “xogo revolto” propiciado pola infeliz cimeira de Monte Pío da que seica todos saímos culpábeis do fracaso.

 

 

II. Alén do consenso

1. A hora da verdade

Fagamos memoria. En Xaneiro de 2007, após máis de dez meses de traballo parlamentar, PP e PSOE seguían agachando as súas cartas e realizando apelacións ao “consenso”. Mais para o BNG xa non era tempo das vás demandas de “xenerosidade” ou das prédicas baleiras á superación do partidismo. Porque para nós non servía calquera acordo. O acordo, do noso ponto de vista, só sería estimábel de supor un avanzo real, prático, a respecto do marco estatutario actual: en materia de recoñecimento nacional, de competencias, de financiamento, de pagamento da débeda histórica, de logro da plena oficialidade do galego, etc.

E por iso daquela transladamos a PP e PSOE un documento final, de mínimos, arredor do que non deberían existir problemas, á lus do xa negociado no seo do relatorio parlamentar. Un documento que recollía fórmulas de garantía da suficiencia financeira coa ponderación precisa, no texto do proprio do Estatuto, do peso de criterios como a dispersión e o avellentamento poboacionais ou a poboación emigrante; que estabelecía un marco competencial alargado e garantido frente o Estado e frente a Europa; através dunha organización administrativa racional e moderna que nos permita ir superando a planta provincial; que aseguraba a autonomía fiscal cunha porcentaxe de cesión de IVA, IRPF e impostos especiais axeitada á nosa realidade; e que, en fin, igualaba xuridicamente a nosa lingua co castelán e aproveitaba o preámbulo para Galiza ser recoñecida como Nación.

 

2. Acordos e desacordos

A idea de que todo estaba fechado á espera de se acordar o preámbulo é, como mínimo, inexacta. Para alén doutras cuestións menores, seguían abertos temas tan trascendentais como a lingua, o financiamento – tanto no que diz respecto da garantía do investimento estatal en Galiza, como da porcentaxe de cesión de impostos ou da ponderación dos criterios para o cálculo das necesidades de gasto -, as competencias – PP e PSOE opúñanse á “blindaxe”, é dicer, a que o Dereito galego primase sobre o estatal en materias de competencia exclusiva – ou a organización territorial, onde a ferreña defensa das Deputacións por parte do PP achou no PSOE unha inesperada condescendencia.

De calquera xeito, frustrado o proceso o acordado xa non serve. Nunha negociación os acordos parciais están sempre supeditados ao acordo final que, neste caso, non se producíu. Xa que logo, caso de se retomaren as negociacións o BNG partiría das súas posicións iniciais e exixiría, como ten dito Anxo Quintana, que as demais forzas apresenten, xa desde o comezo, propostas públicas e por escrito.

 

 

III. Conclusión

Vimos de perder unha grande oportunidade, a última nesta lexislatura estatal. Porque agora non hai maiorías absolutas en Madrid e o PSOE debe apoiarse nas Cortes nas forzas nacionalistas galegas, bascas e catalás. Está por ver o que vaia pasar nas próximas eleccións xerais mais, en calquera caso, só un BNG forte nas Cortes españolas poderá garantir que Galiza poda contar cun Novo Estatuto á altura das nosas necesidades.

Canto a Galiza é positivo o retroceso electoral do PP nas municipais, ao menos para que agromen as tensións que no seu seo levantou o veto ao Novo Estatuto. Mais tamén sería desexábel unha atitude máis clara e máis comprometida do PSOE que, sabendo que non vai vir pola vía da reflexión interna, só poderá chegar através do afortalamento do nacionalismo.

Porque ficar no mesmo lugar cando os demais avanzan é recuar. E esa é agora a nosa situación. Carecer, por exemplo, dunha cláusula estatutaria de garantía do investimento estatal na Galiza vai privar ao BNG dunha ferramenta preciosa na negociación dos orzamentos estatais. Está tamén por ver como evolúen as negociacións en curso para a transferencia de competencias a Galiza, dado que o goberno español condicionou muitas delas – entre elas a policía – á aprobación do Novo Estatuto. Esta excusa agora xa non serve.

Porén hai que ollar á frente e seguir traballando. Para o BNG os obxectivos que queríamos lograr através do Novo Estatuto seguen vixentes e, aínda que por outras vías e nalgúns casos de xeito parcial, pódense conseguir. Sexa reactivando a transferencia de novas competencias, sexa reformando a Lei de Normalización para lle dar á nosa lingua un estatus de plena oficialidade, sexa comprometendo o Estado pola vía de acordos políticos a investir en Galiza como mínimo o 8% do investimento territorializado, sexa, en fin, facendo valer na negociación do novo sistema de financiamento autonómico os criterios que máis se adecúan á nosa realidade e ás nosas necesidades.

A chave está en non lle recoñecer ao PP un poder de veto que as normas non lle recoñecen. A maioría que sustenta o goberno bástase por si propria para aprobar as leis e impulsar as negociacións políticas que o avanzo no autogoberno exixe. Aguardar polo PP equivalería a defraudar á maioría de galegos e galegas que hai dous anos apostaron por un cambio político.

 

 

Carlos Aymerich Cano
Portavoz do G.P. do BNG