
Na rúa o número 15 do noso voceiro Manesquerda.
Interesantes son os temas que se abordan: Galiza Nova 2009; vivenda
e xuventude; entrevista a Quico Paz Antón; a espera do Novo
Estatuto; o BNG vintecinco anos despois; Independencia, Democracia
e Socialismo; Nacións sen Estado (Palestina e Sahara); actividades
de EN-Mocidade, etc.
Para recibilo no teu domicilio, liga con nós en mocidade@esquerdanacionalista.com.
A continuación, podes ler a EDITORIAL
deste número.
Logo das eleicións municipais
do 27 de marzo, e dende unha interpretación simplesmente
cualitativa dos resultados, é obvio e incontestábel
que a representación acadada polo BNG é de máximos
históricos: 661 concelleiros e concelleiras ao longo de todo
país. Mais non se debe caer na autocompracencia , xa que
dende o punto de vista cualitativo baixáronse case que 10.000
votos. Especialmente preocupante semella a perda nas cidades, cuestión
que se debera reflexionar moi afondo nos organismos pertinentes
para tentar poñerlle freo. Cinxíndonos agora a cuestión
meramente programáticas, dende EN-Mocidade parabenizamos
os eixos vertebrais do Programa Marco co que o BNG se presentou
a estes comicios: por unha banda, e baixo o epígrafe ”Construíndo
a nación dende os concellos”, propio da concepción
cívica do nacionalismo, téntase pular por un novo
mapa administrativo máis acorde coa nosa dinámica
socio-económica . No segundo punto chamado “Avanzando
na mellora da calidade de vida”, o obxectivo preferente é
o benestar das persoas, avanzando no camiño da igualdade
coa educación, a vivenda e o emprego como principais preocupacións.
En último termo,“Rexenerando a política e afondando
na democracia participativa”, e recollendo de novo un dos
nosos principios fundacionais, procurarase impulsar uns concellos
máis transparentes e próximos ao cidadán e
á cidadá. Dende EN-Mocidade consideramos primordial
que estas cuestións non fiquen en papel mollado e que de
verdade o BNG nos concellos sexa ferramenta útil para a construción
nacional, aumentar o benestar das persoas e avanzar na calidade
da nosa democracia dende unha perspectiva participativa. Tamén
cremos conveniente recalcar que outras eleccións, as Xerais
do 2008, están á volta da esquina. Dende EN-Mocidade
incidimos en que o medre electoral e o afianzamento do nacionalismo
galego no Parlamento do Estado non debe pasar pola asunción
de políticas de orientación de tipo rexionalista e
de carácter centrista. Debemos retomar o noso perfil soberanista
e de esquerdas.
Noutra orde de cuestións, mostramos
o noso malestar pola suba desproporcionada de taxas anunciada pola
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,
manifestamente inxusta se observamos que certos servizos ofrecidos
son máis pobres, debido, por exemplo, á externalización
de fotocopiadoras, aulas de Internet, comedores e a supresión
de prazas residenciais. Tamén lamentamos a actitude do Partido
Popular ao rachar ese consenso “de mínimos” sobre
un tema tan crucial para o nosa nación como é o da
lingua, escudándose perversamente en argumentos demagóxicos
que nada máis que procuran a confrontación política
gratuíta e que demostran unha vez máis que o PPdG
é unha sucursal da recalcitrante e españolista extrema
dereita madrileña.
Para finalizar, EN-Mocidade anímavos
a ler este novo número do noso voceiro Manesquerda con contidos
certamente interesantes, entre os que os que poderedes atopar un
sobre a nova situación de Galiza Nova logo da X Asemblea
Nacional; o BNG 25 anos despois; unha proveitosa entrevista ao deputado
Quico Paz Antón ou reflexións sobre a dramática
situación do Sahara e Palestina.
|